Thursday 16 de May de 2024

A Xunta inviste case 400.000 euros en axudas a transportistas por estrada co fin de incrementar a formación destes profesionais


As subvencións concedidas permitirán ás entidades beneficiarias mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan transcendentais como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas concedidas a asociacións e federacións de transportistas por estrada, co fin de que leven a cabo cursos de formación para profesionais do sector.

Nesta resolución dáse conta do reparto dos case 400.000 euros cos que se dotou a convocatoria de axudas publicada no DOG do día 23 de xuño de 2015, indicando as 11 federacións ou asociacións de transportistas que foron adxudicatarias e os fondos que lles foron asignados.

A través desta convocatoria de axudas dáselle pulo á formación dos profesionais do sector do transporte, tanto de mercadorías como de viaxeiros, mediante a colaboración da Dirección Xeral de Mobilidade coas entidades asociativas integradas no Comité Galego de Transportes por Estrada.

As subvencións concedidas permitirán ás entidades beneficiarias mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan transcendentais como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial.

Así mesmo, e como un eido especialmente destacado, tamén se inclúe a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional, de acordo coa normativa comunitaria e co Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

De acordo co sinalado na orde, unha vez rematada a tramitación das solicitudes recibidas, o reparto do orzamento dispoñible ficou como segue:

Asociación ou Federacións Cantidade
Anetra 17.011,13 €
Fegatramer 111.745,50 €
Asetranspo 54.288,96 €
Galeval 2.287,70 €
Fegatrans 61.797,32 €
Fegatravi 32.174,49 €
Transgacar 26.865,85 €
Urbanos 9.180,14 €
Fetram 45.343,45 €
Fegataxi 29.471,59 €
Fegabus 8.128,87 €
TOTAL 398.295 €